lunes, 27 de junio de 2011

Dez creadores de cinco países clausuran en Galicia o Tour de Europa de Coreógrafos

O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO É UN DOS CINCO SOCIOS, XUNTO CON ENTIDADES DE ALEMAÑA, FRANCIA, IRLANDA E POLONIA, DESTE PROXECTO FINANCIADO POLA COMISIÓN EUROPEA


[27/06/2011] Dez coreógrafos de cinco países participan esta semana en Santiago e A Coruña no programa de clausura do proxecto Tour de Europa de Coreógrafos, que o Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve desde o mes de setembro de 2010 xunto con outros catro centros de Alemaña, Francia, Irlanda e Polonia. Inserida no Programa de Formación Continuada da Comisión Europea, esta iniciativa celebrará as súas últimas sesións de traballo no Salón Teatro de Santiago e na sede coruñesa do CCG entre o mércores 29 e o sábado 2 de xullo, ademais de contemplar a asistencia dos creadores seleccionados a dúas das xornadas do Empape (Festival Internacional de Danza en Paisaxes Urbanas) da Coruña.

Tour de Europa de Coreógrafos Grenoble

Galicia será pois a última escala dos coreógrafos Marta Alonso e Jesús Rubio, polo Centro Coreográfico Galego; Claudia Miazzo e Philip Vuillerment, por Le Pacifique-CDC de Grenoble (Francia); Charlotte Spencer e Liadain Herriot polo Dance Ireland de Dublín; Aleksandra Boris e Beata Mysiak polo Lubeslki Teatr Tanca de Lublin (Polonia); e Lucia Glass e Gudrun Lange, polo Kampnagel de Hamburgo (Alemaña), despois de tomar parte nos talleres, seminarios, visitas e encontros profesionais desenvolvidos ao longo dos últimos nove meses nas outras catro entidades asociadas.

No peche do Tour de Europa de Coreógrafos, asistirán a reunións profesionais sobre produción e distribución de espectáculos cos representantes das produtoras galegas Eme2 e Pista Catro, e sobre creación multidisciplinar con Branca Novoneyra e con Nuria Sotelo. Participarán, ademais, nunha sesión de coaching sobre a solicitude e presentación de proxectos culturais.

Solo de Marta Alonso
Durante a súa estadía na Coruña, a partir da tarde do venres, os 10 participantes acudirán á inauguración do Festival Empape, onde na noite do sábado a compañía Traspediante presentará o solo Baila un vestido verde, creado e interpretado por Marta Alonso, unha das coreógrafas do Tour de Europa.

Coordinado polo centro Le Pacifique de Grenoble, o Tour de Europa de Coreógrafos permitiu a este grupo de creadores -e, por extensión, ao persoal das cinco estruturas implicadas- beneficiarse dun proceso formativo no que primaron a mobilidade, os intercambios e a confrontación do grupo como factores de apertura e de adaptación.

As actividades desenvolvidas no marco deste proxecto europeo centráronse tanto na faceta artística da profesión de coreógrafo, como nos aspectos técnicos e administrativos relacionados co desenvolvemento do seu traballo. Como complemento a este programa formativo, os 10 participantes seguiron así mesmo un programa de ensinanza en liña, co acompañamento dun titor persoal para cada un deles.

Na imaxe, unha das primeiras sesións celebradas en Grenoble (Francia) en 2010


http://www.agadic.info/novas/nova.php?id=923&lg=gal

http://www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=861252


No hay comentarios:

Publicar un comentario