lunes, 23 de agosto de 2010

Baila un vestido verde (ABRAZOS OFF)


Santiago de Compostela, 21/08/2009.- • A bailarina Marta Alonso Tejada, seleccionada na sección os Abrazos OFF, presentará un espectáculo no que convida ao público a xogar

Santiago, 21/agosto/2010.- Compostela acolle hoxe unha nova xornada do Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura, dirixida pola nacionalista Socorro García Conde. No día de hoxe intégrase unha nova proposta, esta vez de danza, que lle dará a oportunidade ao público de xogar coa propia bailarina. Ademais, a xornada completarase con actuacións musicais que achegarán ás rúas de Compostela novos ritmos de marcada orixe colombiana, lisboeta e caboverdiana.

Dentro da programación da sección dos Abrazos OFF presentarase esta vez será unha danza simpática que xoga co público, a cargo da bailarina Marta Alonso Tejada, que representará a peza Baila un vestido verde. A cita será na Praza da Oliveira a partir das 19.00 h. Marta Alonso Tejada é bailarina titulada pola Royal Academy of Dance de Londres e fundadora da compañía galega de danza Traspediante. Os Abrazos OFF, sección na que se integra este espectáculo, ten como obxectivo abrir o festival ás propostas da cidadanía, que foron seleccionadas en función da súa calidade, a súa adecuación ao festival e a súa singularidade.

A partir das 20.00 h a Praza de San Martiño Pinario será o escenario do concerto de Antonio Rivas Trío, que interpretará co seu acordeón dous dos ritmos da Colombia caribeña universalmente coñecidos, como son o vallenato e a cumbia. Antonio Rivas é un dos máximos expoñentes desta tradición no seu país e, aínda que de formación autodidacta, é un cantante e acordeonista cheo de forza e espectáculo. O programa do día pecharase da man de Danae, unha intérprete que amosará un traballo profundamente conectado coas súas raíces pero na procura de camiños musicais sen etiquetas, deixando mundos abertos onde a música é a unión entre varias realidades. O público poderá gozar desta mestura de música de Lisboa e Cabo Verde a partir das 22.00 h no Cemiterio do Parque de Bonaval.

Cómpre salientar que tamén se pode visitar no Auditorio de Galicia a exposición Outomuro Looks, do artista Manuel Outomuro, que permanecerá aberta ata o 29 de agosto. Os visitantes poderán achegarse en horario de 10.00 a 20.00 h para gozar das máis de 200 imaxes expostas, capturadas polo que é considerado un dos fotógrafos máis prestixiosos do noso país, pioneiro e referente ademais no eido da fotografía de moda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario