miércoles, 4 de agosto de 2010

Arrinca o Festival dos Abrazos en Compostela con máis de 80 espectáculos


03/08/2010 - Olalla Tuñas


"Ando a buscar un vestido verde", dixo a rapaza mentres bambeaba o seu corpo entre as árbores do Parque de Xixón, na avenida do Burgo das Nacións. Cunha performance de danza contemporánea, na que Marta Alonso Tejada escenifica a compra desta peza de vestir feminina mentres roda sobre o céspede, presenta O Festival dos Abrazos a súa programación. Nas árbores que rodean á bailarina hai vestidos pendurados e toda a prensa alí congregada observa e agarda, até que ela sorrí e comeza o show. A versatilidade dos espazos de Compostela, que tanto mudan en parques coma en escenarios, salta á vista despois dos pasos de baile e o son das cordas da música que acompaña a Alonso Tejada.


"O Festival dos Abrazos proxecta a Compostela como escenario da imaxinación e da creatividade" comeza dicindo a concellala de Cultura de Compostela, Socorro García Conde, "é un espectáculo que suma artistas e a potencia creativa dos espazos de Compostela" para dar lugar a "unha amalgama que tenta promover proxectos e espectáculos multidisciplinares".Na súa terceira edición, o Festival dos Abrazos encherá Compostela de música, artes escénicas e plásticas e de cinema, un regalo para os sentidos. Ten unha programación extensa de máis de 80 actividades concentradas nos 20 días que durará o ciclo cultural que mestura o tradicional coas creacións de novos artistas.En canto á programación, cada día da semana estará dedicado a unha disciplina diferente. Así, o luns será a xornada para o circo e o clown; o martes cobra protagonismo a programación do Feito a Man, da Asociación Cultural Cidade Vella a través de instalacións artísticas da man de 'a_túa'; o mércores é o turno das artes escénicas de 'tamaño mínimo', para un espectador; o cinema e o audiovisual bríndao Curtocircuíto os xoves, mentres que o fin de semana é a música "de aquí e de acolá", apuntou García Conde, a de maior protagonismo con representants de todos os estilos, dende o folque até o jazz, pasando polo tango.


A sección dos Abrazos OFF abre o festival ás propostas da xente e procura ser "o escaparate das propostas máis arriscadas e unha fiestra a novas oportunidades" do tecido artístico galego, afirma García Conde. Os grupos participantes nesta sección, neste ano, son o grupo rock Ataque Escampe, Modulok Trío, Roberto Sobrado e a bailarina Marta Alonso Tejada.O Festival dos Abrazos contará con tres escenarios principais: en 'campo aberto', parques e xardíns composteláns; 'estacións de paso', prazas e rúas da cidade histórica; e 'espazos íntimos', recunchos e calellas cheos de historias. Coa metamorfose dos lugares máis comúns da vida compostelá en escenas acadase a distancia precisa para cada mensaxe entre espectador e espectáculo. Este é o caso da performance Conversatorio de Quico Cadaval, que se levará a cabo no interior dun escaparate da rúa das Orfas o mércores 11 de agosto."Está feito dende o corazón e non dende a carteira", esa é a gran diferencia que atopa a responsable da Asociación Cultural Cidade Vella, Ánxela Porto, entre o Festival dos Abrazos e o resto de ciclos de arte que se ofertan en Galicia. "Trátase dun festival de calidade e de humanidade", afirmou, "que pon o ritmo humano e artístico adecuado nesta cidade afeita ao derroche".

No hay comentarios:

Publicar un comentario